miércoles, 14 de marzo de 2012

A ILLA DO TESOURO

Gustaríavos ler este libro?

Escritor/a: Robert Louis Stevenson
Tradutor/a: Xavier Alcalá
Ilustrador: Federico Fernández Alonso

Ed. Edicións Xerais de Galicia,
2003 | Infantil-Xuvenil

Un mociño inglés do século XVIII vive e conta neste libro, clásico no seu xénero, unha aventura extraordinaria se é que as hai. Mesturados el e mailos seus amigos cunha grea de bucaneiros disfrazados de xente de ben, e norteados todos polo mapa que tirara o rapaz do cofre dun pirata finado na cativa pensión familiar, nunha aldea mariñeira, bótanse ó mar tralo engado do fabuloso tesouro soterrado por unha banda dos autodenominados cabaleiros de fortuna naquela afastada illa descrita no tal mapa. As peripecias de Jim Hawkins, do capitán Smollet, de Long John Silver e o resto dos tripulantes da Española significaron para varias xeracións non só a cristalización dos soños de mocidade de aventuras, senón tamén a realización literaria da ansia de escapismo que aniña en todo ser humano. Se ben, a complexidade psicolóxica dalgúns personaxes, especialmente John Silver, amosa a característica preocupación de Robert Louis Stevenson pola ambigüidade moral do ser humano, “A illa do tesouro” representa en estado puro a novela de aventuras na cal a procura mítica dun obxecto prezado actúa como móbil para a fuxida cara a escenarios exóticos onde a liberdade é posible.
Robert Louis Stevenson naceu en 1850 en Edimburgo e finou en 1894 en Samoa. Foi agarimosamente sepultado polos indíxenas no cume do monte Vaea, de cara ó Océano Pacífico. Malia a súa curta vida embazada pola mágoa dunha teimuda doenza do peito, deixou escrito: «toda a historia da miña vida é para min máis fermosa que calquera poema."

2 comentarios: